O martes 25 de xuño tivo lugar unha presentación da Rede para o Decrecemento na sede que Esquerda Unida ten no centro de Vigo.
Dende fai anos, a nivel federal Izquierda Unida vense amosando preocupada pola crise sistémica na que nos atopamos e pola necesidade de afrontar dende o decrecemento a transición ecosocial. En 2022 organizaron unhas xornadas que permitisen construír consensos e formular alternativas decrecentistas factibles. Grazas as conclusións das xornadas abríronse varios grupos de traballo, que se veñen coordinando dende aquela na rede social Telegram co nome Red Decrecer para vivir. Tralas xornadas a organización pronunciouse publicamente a favor de planificar un decrecemento a esfera material da economía mediante o manifesto Decrecer para vivir. Finalmente, Alberto Garzón defendeu o decrecemento nun artigo de opinión titulado “Los límites del crecimiento: ecosocialismo o barbarie”, que tería certa repercusión mediática ao ser unha das primeiras veces que un ministro en activo falaba de decrecemento.
O grupo local de Esquerda Unida en Vigo levaba tempo querendo abordar esta problemática polo que convidou á Rede para o Decrecemento a facer unha presentación que permitise a reflexión conxunta.
“É imposible crecer infinitamente nun planeta que é finito” resume as dificultades ás que nos enfrontamos como sociedade e permitiu unha reflexión inicial. Abordouse a crise ambiental dende a perspectiva dos límites planetarios. Sabemos que seis dos nove límites planetarios están superados, cando superar só un deles pon en cuestión a permanencia da vida humana sobre a Terra. Mais é preciso considerar que a crise ecolóxica é unha crise de desigualdade, o 10% máis rico provoca o 50% das emisións mundiais, polo que loitar contra a desigualdade é tamén unha loita pola ecoloxía.
Saber que o pico da extracción de petróleo cru convencional superouse en 2006 segundo a Axencia Internacional da Enerxía, serviunos para reflexionar sobre crise enerxética. O greenwhasing empresarial e o crecemento verde que se formula como única alternativa son formas de continuar negando a realidade, formas de facer como si nada estivese ocorrendo. As limitacións de minerais críticos converten en pouco realistas as previsións que se manexan. En Galiza estamos sufrindo as consecuencias dun modelo de transición que constrúe grandes parques de renovables para enviar enerxía aos centros de consumo e nos condena a ser unha rexión de sacrificio. Un modelo que pretende substituír o petróleo por renovables sen pensar en cambiar nada, mantendo a ilusión de que podemos continuar crecendo indefinidamente.
Por último, falouse das ferramentas para impulsar a transición ecosocial: Falouse da Economía Social e Solidaria, das moedas sociais e dos sistemas de crédito mútuo, dos grupos de consumo, dunha maravillosa experiencia de soberanía alimentaria que temos na cidade como Epona Terra e sobre todo da importancia de participar nalgunha experiencia colectiva para manter unha actitude de esperanza activa fronte as dificultades.