22 Xan 2025, Mér

Decrecemento

¿Por que o Decrecemento?

O Decrecemento non é o mesmo có decrecemento. O decrecemento, en minúscula, é o feito de decrecer, de algo ir a menos, e iso xa está a acontecer coas nosas economías e diversos aspectos da nosa sociedade e modo de vida, así como con certos recursos materiais e enerxéticos desde o comezo desta crise terminal (Solé & Sardà 2016). Mais o Decrecemento, con maiúscula, é outra cousa: é unha palabra-proxectil. É unha proposta provocadora que busca responder afoutamente a un absurdo: querer crecer indefinidamente nun planeta finito. É un retruque sacrílego contra a fe dominante no mundo moderno: a relixión do progreso perpetuo e o seu credo tecnólatra.

No mundo real só hai dúas cousas que medran indefinidamente, é dicir, sen dispoñer dun mecanismo interno que deteña a fase de crecemento: o cancro e máis as pragas. E ambas as dúas rematan mal, ao ter que parar de medrar pola forza dos factores esóxenos: o cancro, acabando coa vida do ser no que xorde; e a praga, esgotando a súa fonte de alimento coa consecuencia inevitable dunha masiva mortaldade. O normal —o san— neste planeta é medrar (mesmo exponencialmente) só durante un certo tempo e até un certo punto, e despois deter o crecemento para estabilizarse nun punto óptimo. Así facemos as persoas até chegarmos á madurez, os demais animais, as plantas, e mesmo conxuntos de seres vivos ou sistemas como pode ser unha fraga, unha manda, unha vila ou unha sociedade. Quen non sabe parar ten unha grave enfermidade, pois —como no caso do cancro e as pragas— antes ou despois remata por petar contra os límites, e canto meirande fose a extralimitación e máis rápido chegara a ela, máis destrutivo será o impacto. Porén, coa Revolución Industrial alimentada pola extraordinaria enerxía fósil (carbón, petróleo e gas natural) e co Capitalismo e a súa necesidade intrínseca de medrar para obter plusvalías e reproducir o capital, a nosa especie esqueceu os límites, esqueceu que medrar sen fin é imposible e entrou nunha demencial carreira cara adiante: sempre máis, máis rápido e máis lonxe. Hoxe as consecuencias deste descomunal erro antropolóxico son innegables: un caos climático disparado, o esgotamento das bases enerxéticas e materiais da civilización industrial, a saturación con contaminantes da capacidade de renovación dos ecosistemas, a extinción acelerada de especies, a destrución de terras fértiles, acuíferos, pescarías e ecosistemas completos… E, en paralelo a esta terra cada vez máis inhabitable, unha poboación humana disparada moi por riba da capacidade que ten demostrado este planeta para acollernos. Desde 1970 temos máis que duplicado o noso número.

«Desde 1800, ¡multiplicámonos por sete e medio!»
Casal – 2014

Xa que logo, se cada vez somos máis nun planeta no que cada vez caberemos menos, a conclusión debería ser obvia: cómpre decrecer. Mais non só en número de persoas, senón tamén no consumo que facemos as persoas que hoxe habitamos este mundo. Porque a súa capacidade de albergarnos depende da nosa pegada, dos recursos que consumimos en conxunto e da contaminación que xeramos cos nosos modos de vida. Este é o concepto da pegada ecolóxica, inseparable da proposta decrecentista. Visto doutro modo, o número de planetas Terra que precisaríamos se todos vivisen coma nós: 5 planetas para o modo de vida medio nos EE.UU., 2 e medio no caso de España, e case 4 no caso de Galiza… (GFN; NTNU & CICERO; Veiras 2015b). Mais só temos un planeta. A biocapacidade do planeta, actualmente, é de apenas 1,73 hectáreas para cada persoa. Polo tanto, o que nós consumimos de máis, é grazas a que outros consomen de menos e apandan coas peores consecuencias do noso modo de vida: “O noso benestar sáelle caro ao resto do planeta” (Veiras 2015a). E esta constatación é básica para a conformación da proposta do Decrecemento: a necesidade de xustiza social e ecolóxica. Temos a obriga moral de decrecer unhas persoas para outras puideren crecer aínda un chisco e chegaren a un nivel de vida digno, suficiente. Por suposto, un nivel de vida igualitario en todo o planeta e que estea dentro das capacidades deste, implica rebaixar moito o nivel material de vida nos países enriquecidos ou industrializados, para poñer fin a este agachado colonialismo ecolóxico. Rebaixar tanto como nos teñamos pasado do que nos corresponde; e a nós correspóndenos rebaixar posiblemente entre un 60% e un 90% do noso consumo e contaminación. Aínda que rebaixar a cantidade do noso consumo material non quere dicir necesariamente vivir con peor cualidade de vida. E isto lévanos aos conceptos da simplicidade (Schumacher 2001; Trainer 2017), do vivir mellor con menos (Lodeiro 2008), do bo vivir (Aguado 2016), mesmo do decrecemento feliz (García Camarero 2017)… Son estas, sen dúbida, palabras que poden facer torcer a cara a menos xente cá palabra Decrecemento, unha palabra que —malia que nos digan desde a última encarnación dunha socialdemocracia reformista que non se dá despegado do mito do crecemento, que non serve para iso— tampouco pretende que a use ninguén para “gañar eleccións”. O que queremos son políticas de Decrecemento, non slogans que falen de Decrecemento. Queremos gañar a supervivencia, non as eleccións.

¿Por que (e para que) o Decrecemento no Eo-Navia, Galiza e O Bierzo?

Sen dúbida a gran aposta do Decrecentismo é a modificación da escala de valores sociais e o enfrontamento do local fronte ao global. Paul Ariès e moitos outros autores decrecentistas falan de relocalizar as numerosas actividades humanas en bio-rexións como o xeito de superar a globalización e a centralización allea á realidade ambiental e social dos territorios. A aposta de crear unha Rede Decrecentista (Eo-Navia, Galiza, O Bierzo) enmárcase dentro desta perspectiva que ademais se ve apoiada polos lazos culturais, idiomáticos, históricos, sociais e económicos que desde sempre uniron e unen aos tres territorios. Outra das razóns de apostar pola bio-rexión dos tres territorios son a interdependencia mutua nas zonas limítrofes e o ter que recorrer as mesmas solucións á hora de resolver os problemas colectivos cando estas non están baseada en medidas con transfundo netamente enerxético fósil.

«Decrecimiento o barbarie»
Serge Latouche & Paul Ariès